Un incendio nun bar, provocado pola explosión nun cadro eléctrico, obrigou a intervir aos equipos de emerxencia de Ribeira. Unha persoa foi atendida no punto por presentar síntomas de dificultade respiratoria e o establecemento quedou afectado polo fume.
Os Bombeiros de Ribeira chamaron ao 112 Galicia para comunicar a súa saída para a Rúa Vionta co fin de extinguir un incendio nun establecemento en Aguiño. Segundo a información facilitada ao 112, un veciño escoitou unha explosión e viu como saía fume do interior dun local de hostalaría.
Decontado, desde o 112, pasouse aviso ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos axentes da Policía Nacional e Local. Ademais, efectivos de Protección Civil de Ribeira e técnicos da empresa subministradora de gas tamén foron informados por se fose necesaria a súa colaboración.
Tras rematar a intervención e extinguir as lapas que consumiron o cadro eléctrico, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento procederon a ventilar o local para recuperar as condicións idóneas de seguridade.