Ata o vindeiro 24 de novembro, os emblemáticos Xardíns de Méndez Núñez acollen a exposición exterior A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía. Unha mostra que pretende resaltar o fito que supuxo mercar, restaurar e musealizar esta Casa-Museo en pleno franquismo, pero tamén ofrecer un repaso pola súa historia desde que abriu ao público aquel 15 de xullo de 1971.
A exposición está organizada en seis capítulos diferenciados: A Casa e o tren; Rosalía na casa, que recolle os últimos anos de vida da poeta nesta vivenda; Unha Casa santuario, que analiza as iniciativas que xurdiron para mercar a casa entre 1900 e 1940; A causa da Casa, que afonda na historia da compra do inmoble en 1946 por Xosé Mosquera e Xosé Villar Granjel; O Padroado da Casa e A Casa de Galicia, que se centran nos movementos galeguistas e progresistas xurdidos e nas achegas de galegos e galegas de todo o país e da emigración para converter a última residencia de Rosalía de Castro nun símbolo da cultura propia.
Rematada a súa estadía na Coruña, a exposición seguirá o seu camiño por Galicia con próxima parada no Culturgal, en Pontevedra, do 26 ao 28 de novembro, e logo iniciará un percorrido polas cidades e vilas de todo o territorio galego durante dous anos, segundo o previsto. As vindeiras datas e destinos poderán consultarse no Portal da Lingua Galega e no web da Fundación Rosalía de Castro.