Unha gala solemne culminou os actos do 30 aniversario de Íntegro


O acto celebrado no auditorio municipal de Cabana supuxo o broche final ás actividades levadas a cabo nos últimos meses, tras cumprirse en febreiro as tres décadas da existencia da Asociación, que tanto loita día a día pola inclusión e a igualdade de oportunidades entre as persoas con discapacidade. Alcaldes da zona e diferentes autoridades locales e autonómicas acompañaron á deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen na súa intervención expuxo que os orzamentos de 2023 do departamento autonómico reservan 44,5 millóns de euros para o Plan Emprega Discapacidade, co que a Xunta prevé formar e mellorar as oportunidades laborais de preto de 6.000 persoas.

A conselleira detallou que este Plan Emprega Discapacidade inclúe ata sete programas con axudas para apoiar a creación e mantemento de emprego nas empresas de inserción e nos centros especiais de emprego; e apoios para a formación dual das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental, entre outros. Ademais, puxo en valor o traballo que desenvolve Íntegro e agradeceu a defensa que desenvolve a favor da igualdade de oportunidades e o seu compromiso social. Explicou que ao longo de tres décadas, Íntegro leva traballando pola inclusión, a igualdade e a visibilidade das persoas con diversidade funcional, ofrecendo unha atención integral e adaptada ás necesidades de cada persoa usuaria.

A deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas , destacou o labor de Íntegro, “o que facedes é achegar calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona e tamén dar un futuro a cada unha desas persoas que son usuarias do centro”, sinalou Ana Lamas, que explicou que “na Deputación da Coruña levamos moitos anos colaborando con Íntegro, achegando recursos económicos e capacidades para que poidan ir materializando, aos poucos, non só o traballo que fan diariamente, que é enorme, atendendo as 45 familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación”, concluíu.