Unha inspección a 40 autobuses de transporte escolar remata con cinco denuncias

Controis da DXT_Fonte: santiagodecompostela.gal

  • Durante os próximos días tamén serán obxecto dunha inspección os camións e autobuses

A Policía Local de Santiago de Compostela realizou a pasada semana (do 3 ao 7 de febreiro) controis no transporte escolar, sumándose a unha nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico. Os axentes revisaron o cumprimento dos requisitos obrigatorios relativos ao transporte de menores en idade escolar, como o uso do cinto de seguridade, o acompañamento dunha persoa adulta autorizada ou a documentación actualizada do vehículo.

En total, a Policía Local inspeccionou 40 autobuses, que prestaban o servizo en 15 centros escolares, tanto de Primaria coma de Secundaria. Houbo denuncias de cinco vehículos por seis infraccións: dúas por carecer do sinal acústico de marcha atrás, dúas por non levar o sinal V-10 de transporte escolar e dúas por non levar accesible o extintor.

Controis de camións e autobuses
Por outra parte, a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha esta semana (do 10 ao 16 de febreiro) unha nova campaña de controis, esta vez de camións e autobuses. Os axentes da Policía Local controlarán autobuses e todo tipo de camións, independentemente do país no que estean matriculados, incidindo na vixilancia e control en aspectos tales como a velocidade á que circulan, as horas de condución e descanso, o tacógrafo, o exceso de peso, os defectos técnicos do vehículo ou a seguridade da carga transportada.