Unha inversión no río Lérez mellorará os seus hábitats fluviais


Será no marco dunha actuación integral coa que se busca mellorar os seus hábitats fluviais, eliminar barreiras e obstáculos na parte baixa da canle para facilitar o paso dos peixes migradores e retirar especies vexetais invasoras das zonas de ribeira, e que contará cunha inversión autonómica de 450.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou os principais datos da intervención desde a estación de control da presa de Bora, un dos puntos nos que, precisamente, está previsto actuar co fin de garantir a franqueabilidade da ictiofauna ao seu paso por este tramo do Lérez.

Os traballos se dividirán en dous grandes bloques, atendendo ao seu obxectivo principal. Así, por unha banda actuarase en dous obstáculos claves da parte baixa do río —a presa de Monte Porreiro e a xa mencionada presa de Bora— co fin de facilitar a accesibilidade de peixes migradores e recuperar deste xeito a continuidade lonxitudinal do paso da ictiofauna polo río.

Por outro lado, tamén se eliminarán árbores e arbustos exóticos invasores, principalmente acacias, e se plantarán exemplares propios do bosque de ribeira e frondosas. O obxectivo é mellorar a vexetación das marxes fluviais a través do control das especies invasoras nestas zonas e da restauración do bosque de galería e doutras formacións arbóreas autóctonas.

Todas estas actuacións levaranse a cabo ao longo de case 14 km de tramos fluviais e abranguerán unha superficie de 102 hectáreas de terreo —66 hectáreas de intervención directa e 36 hectáreas de mellora de hábitats fluviais por permeabilización de obstáculos— pertencentes a Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.