Unha media de 500 “mascarillas” usadas inundan as rúas de Carballo cada día

Recipiente cos residuos sanitarios na rúa Coruña_Cedida

  • Este xoves, unha caixa transparente na rúa Coruña amosou as máscaras e luvas que se atoparon no chan en menos de dous días

O servizo de limpeza viaria recolle cada día do chan unha media de 500 mascarillas usadas e unha cantidade aínda maior de luvas; “incontable”, sinalan os traballadores e traballadoras de Aspaber-UTE, quen aseguran que nunha soa semana de “recollida selectiva” deste tipo de residuos encheron un colector. Desde o Concello de Carballo apelan á responsabilidade veciñal para atallar un problema que, a medida que se impón o uso das máscaras en máis situacións, vai en aumento.

Para visibilizar a magnitude do problema e facer reflexionar á poboación, este xoves colocouse na rúa Coruña un gran recipiente transparente coas luvas e as máscaras recollidas en dous días nas rúas carballesas.

É unha iniciativa simbólica coa que, como explicou o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, trata de chamar a atención sobre aspectos sanitarios e de limpeza en Carballo. “Debemos concienciar á poboación sobre o uso de papeleiras e contedores, porque ademais é un lixo que supón un risco potencial de infección”, apuntou.