Unha mensaxe de #DefendeAGalega podería eliminar as regueifas do Luar


Unha mensaxe durante a súa participación no espazo de regueifas do programa Luar da Televisión de Galicia en defensa dos traballadores e as traballadoras do ente público serviulle a Sara Marchena para levar “unha bronca” e ser culpada da eliminación deste espazo da “parrilla” do veterano programa televisivo. Segundo explica a propia Sara nas súas redes sociais, “non entendo a regueifa sen a parte reivindicativa, política que lle chama algunha xente (de arriba), e polo tanto emprégoa como ferramenta de construción masiva, tanto nas aulas como fóra”. 

A Xunta di que o director da CRTVG será remudado cando haxa “diálogo”

A finais de 2015, a Xunta aproveitou o trámite dos Orzamentos Xerais de 2016 para introducir unha reforma na lei dos medios públicos, aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor. Esa modificación permitiu manter o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, por tempo indefinido no posto que exercía dende 2009, cando foi elixido polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo en virtude da antiga lei de creación da radio e televisión pública.

Máis de once anos despois daquel nomeamento e tras media década con esa reforma en vigor, o primeiro Consello de Administración da Corporación Radio Televisión de Galicia nomeado ao abeiro da lei de 2011 (con catro anos de atraso) está a piques de rematar o seu mandato de cinco anos e o persoal mobilizado na plataforma Defende a Galega reclama reiteradamente a remuda de Sánchez Izquierdo. Cómpre, subliñan, elixir a dirección xeral como marca a lei, isto é, co apoio de dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45) do Parlamento. Tamén o reclama a oposición parlamentaria, á que a Xunta vén de afirmar que non manexa prazo ningún ao respecto.