Unha mostra itinerante dá a coñecer en Ferrol as sete reservas de biosfera

1 minutes read

Ferrol acolle ata o 26 de decembro a exposición itinerante sobre as sete reservas de biosfera de Galicia, unha mostra para animar aos cidadáns a coñecer estes espazos, que destacan polos seus valores naturais e por ser un exemplo de convivencia entre homes e contorna.

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), para conmemorar o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco. Así, as imaxes e toda a información recollida na exposición trata de poñer o foco nos valores medioambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as sete reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

A capital galega é a quinta cidade que acolle esta iniciativa, que arrancou o pasado 1 de decembro en Lugo. Despois de Ferrol, a seguinte parada da mostra será A Coruña, onde permanecerá do 28 de decembro ao 2 de xaneiro, para pechar o seu percorrido en Pontevedra, no primeiro mes de 2022.

En total, as sete reservas de biosfera de Galicia suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres, o que significa que máis dun terzo da Comunidade conta con este recoñecemento internacional. De feito, só Andalucía supera a Galicia neste sentido.