Unha muller de Cee perde a vida en Carnota tras sufrir unha saída de vía co seu vehículo

1 minutes read
Foto.- Bombeiros de Cee_Cedida.

Unha persoa perdeu a vida na tarde deste venres tras sufrir unha saída vía co coche que conducía pola AC-550, á altura do punto quilométrico 19, no concello de Carnota.

Os feitos sucederon ás 14:30 horas. Nese momento, varías persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta do accidente e pedir axuda urxente para a condutora e única ocupante do automóbil. Segundo a información facilitada polas testemuñas do suceso, no turismo atopábase unha persoa ferida e, aparentemente, necesitaría axuda para abandonalo.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasaron o aviso ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Cee e aos membros do GES de Muros.

Desafortunadamente, unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencia soamente puideron confirmar o seu falecemento. De feito, foi necesaria a intervención dos bombeiros e do persoal do GES para excarcerar a vítima, natural de Cee, de 40 anos de idade e residente en Carnota.

Compre sinalar que este operativo tamén contou coa colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.