Unha muller e un neno auxiliados polo sistema ‘eCall’ tras un accidente na AG-55 sentido Carballo

Ao fío das 12:00 horas deste luns, o 112 Galicia recibiu unha chamada de emerxencia, a través do sistema eCall do vehículo, dunha condutora que acababa de sufrir unha saída de vía en Arteixo.

A accidentada indicáballe aos xestores do CIAE-112 que chocara contra a mediana da AG-55, arredor do punto quilométrico 20, nos carrís de sentido Carballo. Ademais, solicitaba asistencia sanitaria ao atoparse ferida tras o impacto.

Deste xeito, desde o 112 alertouse a urxencias médicas, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros da localidade e aos membros de Protección Civil.

Tras localizar o accidente, o persoal do 061 confirmoulle ao 112 que tiveron que ser trasladados unha muller máis un neno.

Para manter a seguridade na vía, o 112 Galicia tamén informou do sinistro ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.

Que é e como funciona o sistema eCall

O sistema eCall é un botón de SOS instalado no vehículo que deberemos pulsar en caso de sufrir un accidente. Con todo, cando o condutor non poida facelo manualmente, activaranse uns sensores capaces de detectar cando se produciu un sinistro, e realizarase unha chamada aos servizos de emerxencia en apenas uns segundos.

O que permite que o sistema eCall se active cando se produciu un accidente é precisamente o feito de que estea asociado aos airbags e ao control de estabilidade, os cales tamén, se activan en caso de accidente de maneira automática. O sistema enlazado permite saber cando un vehículo sufriu un accidente.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha