Unha muller embarazada e un home resultan feridos nunha colisión en Negreira

Ambulancia medicalizada

Unha muller embarazada resultou ferida de consideración despois de que o coche no que circulaba batese por alcance contra outro turismo no lugar de Barquiña, en Negreira. Ademais, un home tamén sufriu feridas neste accidente e ambos os dous tiveron que ser trasladados a un centro médico.

Segundo puido saber o 112 Galicia, aínda que os equipos de emerxencia descartaron utilizar o material de excarceración, foi necesario liberar á muller do interior do vehículo no que viaxaba. Esta acción foi levada a cabo polos axentes da Policía Local e o persoal médico da ambulancia desprazada.

Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para dar conta do accidente. Segundo comunicaban na súa chamada, bateran dous coches e alertaban tamén de que podería haber persoas atrapadas.

Deste xeito, con estes datos, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Xallas, a Protección Civil de Negreira, á Garda Civil de Tráfico, ao GES de Brión, á Policía Local e ao servizo de mantemento da vía de circulación.