Unha muller ferida en Coristanco tras chocar co coche contra un tractor

112 Emerxencias

Unha muller resultou ferida na mañá deste sábado na localidade de Coristanco despois de colidir o turismo que conducía contra un tractor, na estrada que enlaza esta localidade con Santa Comba, no punto quilométrico 4 da DP-2904, en Seavia.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, pasados dez minutos das 11:00, tras recibir o aviso dunha persoa particular. Ademais de solicitar asistencia sanitaria para a condutora do vehículo, aseguraba que os vehículos entorpecían a vía.

Así, con estes datos, os xestores do 112 pasaron aviso de contado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Carballo, ao GES de Ponteceso, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil de Coristanco.

Finalmente, os servizos de emerxencias confirmaron o traslado da condutora  polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.