Unha muller foi localizada falecida nunha piscina en Touro


Unha muller de idade avanzada foi localizada falecida nunha piscina no lugar de Obra, no termo municipal coruñés de Touro.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través dunha persoa particular que, segundo indicaba na súa comunicación, acababa de atopar o corpo sen vida dunha muller aboiando na auga dunha piscina.

De xeito inmediato, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil. Ademais, nada máis recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia informou aos Bombeiros de Arzúa.

A pesar dos esforzos, o persoal sanitario desprazado nada puido facer por salvarlle a vida á muller. Investíganse agora as causas deste tráxico suceso.