Unha muller foi trasladada por inhalación de fume tras incendiarse a súa vivenda en Ames

Imaxe dun parque de bombeiros

Varios particulares se puxeron en contacto co 112 Galicia para informar de que estaban vendo saír fume pola fiestra dun edificio da Travesía Madalena, no Milladoiro.

Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertouse aos Bombeiros de Boiro, aos membros do GES de Brión, á Garda Civil, á Policía Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, ao descoñecer a posibilidade de que houbese persoas feridas, tamén se lle deu o aviso aos servizos sanitarios.

Unha vez sufocado o lume, os medios de extinción, desprazados ata o punto, confirmáronlle ao 112 que o incendio afectou á campá extractora da cociña e ao mobiliario próximo.

Finalmente, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 indicaron que tiveron que trasladar a unha muller por inhalación de fume, ata o Hospital Clínico Universitario de Santiago.