Unha muller morta e un home ferido tras embarrancarar o seu iate en Malpica


Unha muller morreu e un home resultou ferido despois de que o iate no que navegaban embarrancase no porto de Malpica de Bergantiños, tal e como informaron o 112 e Salvamento Marítimo. Os feitos sucederon preto do espigón, ás 07:30 horas deste xoves, cando o veleiro Prudence, de bandeira francesa e oito metros de eslora, chocou contra unha zona de rochas.

Ata o lugar acudiu o helicóptero de Salvamento Marítimo Helimer 402, que rescatou ás dúas persoas, ambas de 66 anos. Unha que estaba na auga e a outra nunha balsa salvavidas. A aeronave evacuounas ao aeroporto de Alvedro e desde alí unha ambulancia trasladounas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. En principio, as feridas do home non revisten gravidade.

Tras ter coñecemento do suceso, a través de Salvamento Marítimo, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e de Protección Civil. Ademais, informouse ao Servizo de Gardacostas de Galicia. No operativo, tamén participaron a Salvamar Betelgeuse e a lancha de Cruz Vermella LS Bianca.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, emitiu un comunicado no que afirmaba sentirse «consternado ante a tráxica noticia do falecemento dunha persoa no afundimento dunha embarcación de recreo en Malpica». «Desexo unha pronta recuperación ao resto de persoas implicadas e do mesmo xeito traslado todo o meu ánimo ás súas familias e achegados. Agradezo tamén aos corpos de protección que interviñeron no operativo de salvamento o seu inestimable labor», concluíu.