Unha muller perde a custodia do seu fillo por vivir na «Galicia profunda»

PIXABAY

  • A sentenza é favorable ao pai do menor por vivir en Marbella, unha cidade «cosmopolita» que conta con máis servizos para que o neno viva mellor

Unha xuíza de Marbella retiroulle a unha muller a custodia do seu fillo por vivir na «Galicia profunda». A prexudicada vive nunha vila situada na ría de Muros-Noia, na provincia da Coruña, un lugar que a titular do xulgado de Primeira Instancia número 7 considera que non ofrece «múltiples posibilidades para el adecuado desarrollo de la personalidad de un niño y para que crezca en un ambiente feliz».

Deste xeito, a xuíza avoga por darlle a custodia ao pai, que reside en Marbella, unha «ciudad cosmopolita» que conta con todo tipo de infraestructuras e colexios. Ademais, na sentenza establécese que os proxenitores compartan a custodia só no caso de que a nai se traslade á localidade malagueña.

A muller emigrara de Galicia hai uns anos por motivos laborais e, posteriormente, estableceuse en Marbella co pai do seu fillo. Hai un ano cortaron a relación e ela volveu co neno de volta a Galicia sen, supostamente, ter permiso dun xuíz, porque tanto ela como a súa exparella fixaron a súa residencia habitual en Marbella.

A avogada da nai, Claudia Traba, presentará unha queixa formal ante a comisión disciplinaria do Consello Xeral do Poder Xudicial contra a xuíza ao ver un acto de «desprezo» no seu traballo.