Unha muller resultou ferida en Toén, despois de saírse da vía co seu vehículo e envorcar


Unha condutora foi evacuada esta mañá polos servizos sanitarios de urxencia despois de saírse da vía co seu vehículo cando circulaba pola A-52, ao redor do punto quilométrico 239, á altura do concello de Toén (Ourense).

Afortunadamente, a condutora, tras envorcar o turismo, puido saír polos seus propios medios do seu interior, polo que os medios desprazados ao punto descartaron o uso do material de excarceración.

Tras recibir a chamada de varios alertantes, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios do 061, dos Bombeiros do Carballliño, do GES de Ribadavia e dos axentes de Tráfico e da Policía Local. Do mesmo xeito, os xestores de emerxencias informaron aos efectivos de Protección Civil da localidade e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez no lugar, os membros do GES confirmaron ao 112 Galicia, que a muller fora trasladada en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.