Unha muller resulta ferida tras caer por un acantilado en Ribadeo mentres facía unha fotografía

1 minutes read

Ocorreu minutos antes das 16 horas deste martes. A muller foi rescatada polo helicóptero Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia, e trasladada ao Hospital de Burela en ambulancia.

A propia muller implicada chamou ao 112 Galicia para explicar o sucedido en inglés. Grazas ao servizo de tradución simultánea, puido indicar que estaba tomando unha fotografía nun acantilado da zona da praia de Rocas Brancas, en Vilaselán (Ribadeo), cando caeu por un desnivel de varios metros. No momento da chamada, atopábase na area e precisaba asistencia sanitaria. Ademais, a subida da marea facía necesario realizar o rescate coa maior celeridade posible.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) alertouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil de Ribadeo, así como os Bombeiros de Barreiros.