Unha nave industrial en Narón sofre graves danos por mor dun derrubamento no seu interior

Polígono Río do Pozo en Narón_Fonte: https://naron.transparencialocal.gob.es

  • O suceso tivo lugar no Polígono do Río do Pozo ao fío das 6:20 horas deste sábado

Un exceso de carga de mercancía nun andar foi a causa dun derrubamento que se produciu no interior dunha nave industrial en Narón, sen que se rexistrasen danos persoais. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a sobrecarga de material nunha planta provocou que o andar caese sobre outro situado debaixo.

Os feitos sucederon no Polígono do Río do Pozo, na rúa Afiadores, ao fío das 6:20 horas. Nese momento, os Bombeiros de Narón alertaban do ocorrido ao 112 Galicia e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Nacional, da Policía Local e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a zona quedou balizada e o acceso restrinxido mentres os servizos de emerxencia traballen no interior da nave.