A neglixencia dun particular durante unha queima provocou o primeiro grande incendio que rexistra a comunidade galega este ano e que queimou arredor de 1.400 hectáreas en Baleira. O director xeral de Defensa do Monte confirma que o autor foi identificado. O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, fixo este xoves un chamamento á prudencia para que non se repitan este tipo de imprudencias. A voracidade das lapas ameazou varios núcleos de poboación. Chegaron a ser desaloxados os veciños de Murias e da Cortevella, en Baleira, e os de Castañosín e Estremeiro, na Fonsagrada. Ademais das aldeas evacuadas, outros núcleos de poboación tamén estiveron en perigo debido á proximidade do lume. Foi o caso de Silvadrosa, na Fonsagrada, onde os veciños loitaron contra as lapas cos seus propios medios.
39