Unha nova aplicación informática xestionará varias actividades municipais do Concello da Laracha

3 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores acordouse adxudicar a LYN Soluciones Tecnológicas o contrato para a creación dunha nova aplicación informática para a xestión das inscricións e do pagamento en liña das actividades municipais. O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar, facilitar e optimizar o procedemento de inscrición nos diferentes programas culturais e deportivos que organice o Concello. Faise apostando por unha ferramenta moderna, intuitiva e de fácil manexo tanto para a cidadanía como para o persoal municipal. Ademais, este novo software permitirá avanzar na dixitalización dos servizos públicos e achegar á veciñanza dun xeito máis cómodo a ampla oferta de actividades. O orzamento é duns 23.000 euros que cofinanciarán o Concello e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro da convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramitan no marco da Intervención Leader, cofinanciadas polo Feader dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).

Outras cuestións tratadas na Xunta de Goberno Local

Tamén se acordou concorrer a tres convocatorias de axudas da Xunta de Galicia para diferentes programas de interese xeral para a cidadanía larachesa.

Ao abeiro do programa Galicia suma talento: Rural activo 2026 o Concello pretende fomentar o emprego mediante  a contratación temporal de persoas desempregadas que formarían as cuadrillas municipais de servizos relacionados co mantemento e valorización de zonas verdes. Ademais de executar intervencións especialmente destinadas á xestión da biomasa como accións preventivas e de defensa contra os incendios, as persoas que serían contratadas terían a oportunidade de obter experiencia e práctica profesional para facilitar a súa inserción no mercado laboral.

O Concello tamén concorrerá á convocatoria da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais. Esta achega destinaríase a sufragar parte dos preto de 60.000 euros que supón o servizo na praia de Caión, que estará operativo do 15 de xuño ao 15 de setembro.

E ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental preséntase unha proposta que permitiría financiar a adquisición de novos colectores para reforzar a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos no termo municipal.

No apartado urbanístico, salientar que foi concedida ao centro residencial para maiores Avós Felices (situado en Arén, na parroquia de Cabovilaño) a licencia para a ampliación tanto da parcela como das propias instalacións. Isto permitirá reorganizar os espazos comúns do centro para mellorar as condicións asistenciais e ampliar a capacidade en 9 prazas máis para un total de 48. O Concello valora moi positivamente este tipo de iniciativas privadas que contribúen a reforzar os servizos dirixidos ás persoas maiores e a dar resposta a unha demanda social crecente. O envellecemento da poboación é unha realidade que require planificación, colaboración e compromiso, e proxectos particulares coma este supoñen un paso adiante na mellora da atención e da calidade de vida da veciñanza, ademais de xerar actividade económica e emprego no termo municipal.

Así mesmo, tamén foron concedidas dúas licencias urbanísticas para a rehabilitación e ampliación de dúas vivendas unifamiliares situadas nas parroquias de Vilaño e Soandres.