A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou no Parlamento de Galicia que o Goberno galego iniciará nos vindeiros días a tramitación dunha nova orde que reforzará o labor inspector ao facilitar que as persoas usuarias das residencias e as súas familias poidan presentar directamente á Xunta as súas queixas e denuncias e axilizar a súa resposta.
Fabiola García sinalou que esta medida procura continuar co obxectivo da Xunta de mellorar os procedementos de inspección para actuar cada vez con máis rapidez e contundencia fronte aos incumprimentos. Tamén responden a este compromiso outras iniciativas como a posta en marcha de campañas específicas para asegurar que as residencias respecten o patrimonio dos usuarios, garantir o cumprimento do réxime de prezos estipulado pola administración, para evitar que se facture indebidamente por extras ás familias e a futura actualización da normativa que regula os centros de atención ás persoas maiores.
Neste sentido, a conselleira apuntou que o Plan de inspección para 2020 prevé realizar máis de 1500 a centros de servizos sociais, un 20% máis das programadas o ano pasado. No que vai de lexislatura e ata o inicio desta crise, abríronse 33 expedientes sancionadores a residencias de maiores e pecháronse dous centros. Xa durante a pandemia os inspectores de servizos sociais acudiron a outros 37 centros e incoaron catro expedientes sancionadores.