- Ademais, unha persoa resultou ferida ao envorcar un vehículo a altura do Burgo, en Culleredo
Unha saída de vía dun turismo saldouse este venres cunha persoa ferida na AC-231, no termo municipal coruñés de Aranga. Segundo os datos facilitados o 112 Galicia, a persoa tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia ao quedar atrapada no interior do vehículo accidentado.
O suceso tivo lugar ás 15:30 horas no quilómetro 3 da estrada que une as localidades da Castellana e de Teixeiro. Nese intre, varias persoas particulares chamaban ao 112 Galicia para dar conta do suceso e solicitar asistencia médica para o único ocupante do vehículo, que finalmente foi excarcerado e trasladado ata o hospital de referencia.
De inmediato, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo no que participaron os efectivos sanitarios de urxencia, os Bombeiros de Betanzos e os axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local. Así mesmo, foi requirida a intervención dos membros do GES de Curtis e do servizo de mantemento da estrada.
Accidente na AP-9
O 112 Galicia tamén rexistrou un accidente na AP-9 no que unha persoa resultou ferida despois de que un vehículo envorcara cando circulaba polo concello de Culleredo, a altura do Burgo, dirección A Coruña.
O dispositivo activouse pasados uns minutos das tres desta tarde, e ata o lugar do suceso achegáronse profesionais sanitarios, os Bombeiros de Betanzos e os axentes de Tráfico. Ademais, o 112 tamén solicitou a colaboración da Policía Local e dos membros de Protección Civil da localidade.
Finalizada a intervención, Protección Civil confirmou ao 112 Galicia da vítima ao Hospital Hospital Quirónsalud da Coruña.