Os comensais tiveron que abandonar o establecemento logo de declararse un incendio na cociña. Segundo puido saber o 112 Galicia, unha persoa foi evacuada polos servizos sanitarios a un centro hospitalario.
Tamén de acordo cos equipos de intervención que se desprazaron ata o local, ardeu a campá extractora e o lume afectou á cheminea e a parede da cociña dun local de hostalaría localizado na Estrada Vella de Santiago, en Lugo. O incidente provocou abundante cantidade de fume, que acabou por afectar ás demais estancias do restaurante.
Os xestores do 112 Galicia recibiron a chamada dunha persoa particular que solicitaba medios de extinción para controlar o incendio. No seu relato, a testemuña do suceso indicaba que houbo unha explosión e que se viron afectadas a grella e a cheminea do establecemento. Ademais, informaba que as persoas que se atopaban no seu interior estaban abandonando o local, por precaución.
Con estes datos, desde o 112 pasouse aviso de inmediato aos Bombeiros de Lugo, á Policía Local e aos membros de Protección Civil da cidade. Igualmente, tras ser informados polos axentes de que cabía a posibilidade de que houbese persoas afectadas por inhalación de fume, os xestores do 112 solicitaron a intervención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Finalmente, os Bombeiros de Lugo comunicaron ao 112 que traballaron arreo no local para restablecer as condicións de seguridade, o que consistiu en atallar as lapas, comprobar a completa extinción dos focos de lume e a exhaustiva ventilación do establecemento.
35
