Unha persoa excarcerada e outra ferida nun choque frontal en Cabana de Bergantiños


Unha colisión frontal entre un turismo e unha furgoneta na AC-429 saldouse con dúas persoas feridas na mañá deste xoves. Debido á intensidade do impacto, foi necesario facer uso do material de excarceración para liberar a unha delas.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso preto das 10:00 horas a través da chamada dunha persoa particular. No seu relato, a testemuña do accidente informaba que os ocupantes dos vehículos necesitaban asistencia médica tras colidir frontalmente os dous vehículos, á altura da parroquia de Santo Estevo de Cesullas, no concello de Cabana de Bergantiños.

De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Bergantiños, dos membros do GES de Ponteceso e de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar dos feitos, os equipos de emerxencia confirmaron ao 112 Galicia que ambas as dúas persoas foron evacuadas a distintos centros hospitalarios, unha delas tras ser excarcerada.

Co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) tamén se informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.