Os servizos de emerxencia interviñeron na tarde deste sábado para axudar a unha persoa que quedou atrapada dentro do seu vehículo despois de saírse da vía no concello coruñés de As Pontes de García Rodríguez.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o ferido foi excarcerado polos Bombeiros do Eume e trasladado en ambulancia ata o centro hospitalario.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiron a chamada dun particular que informaba dun accidente á altura do lugar das Congostras, na parroquia de San Martiño de Goente.
Ademais da intervención dos membros do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento, desde o 112 Galicia solicitouse tamén a colaboración dos profesionais de Urgencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía local.