Unha moza faleceu na madrugada deste domingo no concello coruñés de Touro ao saírse da vía o vehículo no que viaxaba. Foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Arzúa para liberar á vítima, que quedou atrapada no interior do turismo, debido ao impacto. Así mesmo, outra persoa que viaxaba no vehículo tamén resultou ferida, e foi evacuada polos servizos sanitarios. A moza que ía no asento de atrás, duns vinte anos, falecía no lugar do accidente. Ao lugar acudiron os servizos médicos, a Garda Civil de Tráfico de Santiago de Compostela e os Bombeiros de Arzúa, que tiveron que excarcerar a vítima.
A outra moza foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario. Para sacar o vehículo do noiro no que envorcou cumpriu empregar un guindastre de grandes dimensións. Aínda que se ocupou un carril da estrada, non houbo problemas de circulación por mor da hora en que aconteceu o sinistro.
Todo ocorreu, sobre as 03:30 horas. Foi a esa hora cando o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular, que informaba dun accidente na estrada N-547, á altura da discoteca Dona Dana. O alertante indicaba que o coche estaba envorcado na cuneta e que puideran sacar a unha muller ferida do seu interior. No transcurso da chamada, outra persoa particular comunicaba aos xestores de emerxencia qua existencia doutra persoa inconsciente e atrapada dentro do vehículo.
De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Arzúa. Tamén, os efectivos de Protección Civil da localidade foron informados do sinistro.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración da persoa falecida e o traslado da persoa ferida ao centro hospitalario de referencia polo persoal sanitario.