Unha persoa falece e outra resulta ferida tras ser alcanzadas por un autobús na Coruña

Autobús Coruña_Arquivo.

O accidente ocorreu ao fío das sete da tarde deste xoves. Foi a esa hora cando un particular contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que un autobús urbano que circulaba pola Praza de Pontevedra acababa de atropelar a dúas persoas. Engadía ademais, que a Policía Local xa se atopaba no lugar dos feitos.

Así, con estes datos, o 112 Galicia informou axiña ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros da Coruña e aos efectivos de Protección Civil da cidade. Tras confirmarse a gravidade do accidente, foi precisa a intervención dos membros do GIPCE para prestar apoio psicolóxico á condutora do vehículo.

Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron ao 112 Galicia o falecemento dunha das persoas e o traslado da outra nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Os axentes tratan de esclarecer as causas do accidente.