- Unha menor tamén foi evacuada en helicóptero tras verse implicada nun accidente en Curtis.
O sinistro de Cerceda ocorreu pouco antes das tres da tarde deste domingo na AC-523. Ambas implicadas eran as únicas ocupantes en senllos vehículos, que colisionaron cando circulaban en sentido Ledoño. Tras o impacto, unha das condutoras, de preto de 80 anos de idade, faleceu e a outra resultou ferida e foi trasladada ao Hospital da Coruña.
Quen alertou a través do 112 Galicia advertiu da gravidade da situación, pois unha das implicadas estaba inconsciente e sen pulso, indicou. De seguido, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Sen embargo, nada puido facerse por salvar a vida dunha das condutoras.
Tamén foron avisados os Bombeiros de Ordes, que descartaron empregar os equipos de excarceración, pois ambas as dúas estaban liberadas e accesibles. Este operativo completárono os axentes da Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil de Cerceda.
Unha menor de 8 anos foi evacuada en helicóptero tras verse implicada nun accidente en Curtis
No sinistro resultaron feridas dúas persoas máis. As tres viaxaban nun turismo que bateu contra un camión na N-634.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco antes das tres desta tarde. O coche implicado envorcou, sen embargo, as persoas puideron saír polos seus propios medios.
Con todo, precisaron asistencia médica, especialmente, a nena de 8 anos que viaxaba no turismo e que sufriu lesións graves. Por iso, foi trasladada ao Hospital de Santiago a bordo do helicóptero medicalizado, que enviou Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao lugar do sinistro.
Tamén os dous adultos que ían no mesmo vehículo resultaron feridos e foron conducidos ao mesmo centro hospitalario.
Ademais de sanitarios e persoal do GES de Curtis, acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos do servizo de limpeza e mantemento da vía.
