O sinistro ocorreu a pouco de dar as tres e media da madrugada deste sábado, na estrada DP-3109, arredor do punto quilométrico 1, en Almeiras. O aviso ao 112 Galicia douno unha testemuña da colisión do turismo contra unha casa do lugar.
Unha vez recollida toda a información, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) notificáronllo ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Arteixo, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e a Protección Civil.
Xa no lugar, a patrulla da Policía Local confirmou que un dos ocupantes estaba falecido e que había tres persoas máis feridas. Pola súa banda, os Bombeiros de Arteixo comunicáronlle ao 112 que, a causa do impacto, tiveron que sufocar parte do motor do coche que comezou a arder.
