Morren dúas persoas e outra resulta ferida nun accidente na AC-418 en Leiloio, Malpica

1 minutes read

Tras o aviso de varios particulares, o 112 Emerxencias Galicia pasaba unha alerta ás 14:10 horas deste venres por un accidente de tráfico con feridos na estrada AC-418, Carballo-Malpica, ao seu paso por Leiloio. De inmediato foron mobilizados os bombeiros do parque de Carballo, o GES de Ponteceso, a Garda Civil, Protección Civil e Policía Local de Malpica. Aos poucos minutos tamén aterraba no punto un helicóptero medicalizado do 061, e varias ambulancias prestaron servizo no lugar.

O accidente consistiu no choque frontal entre dous turismos, un Citroën C4 familiar e un Renault Megane, casi ao remate dun tramo recto con línea continua. Como consecuencia do impacto falecía no momento o condutor do C4 con matrícula suiza, onde tamén viaxaba unha muller de acompañante que resultou ferida de consideración e foi evacuada en ambulancia. No turismo Renault viaxaba unha muller ao volante que tivo que ser excarcerada polos bombeiros e posteriormente evacuada en helicóptero en estado grave, pero finalmente tamén acabaría morrendo. A estrada estivo cortada en ambos sentidos para facilitar os traballos dos servizos de emerxencias.