Un home faleceu este venres e dúas persoas máis foron rescatadas tras envorcar a embarcación na que navegaban no litoral coruñés entre Arteixo e a Coruña, segundo informou o 112.
O dispositivo de emerxencias activouse sobre as 14:45 horas deste venres. O corpo sen vida da vítima mortal, un home de idade avanzada, foi recuperado pola embarcación Salvamar Betelgeuse de Salvamento Marítimo, que tamén mobilizou medios aéreos.
Segundo fontes de Salvamento Marítimo, un barco pesqueiro que se atopaba na zona rescatou ao primeiro dos tripulantes localizados, que foi evacuado con síntomas de hipotermia ao porto de Suevos.
O segundo dos rescatados foi sacado da auga e levado de urxencia ao aeroporto de Alvedro polo helicóptero Helimer 401.
Finalmente foi localizado pola embarcación de Salvamento o terceiro dos tripulantes da embarcación, cuxo cadáver foi trasladado ao peirao de Oza.
A zona presentaba boas condicións meteorolóxicas no momento no que se produciu o incidente, que motivou a activación dun dispositivo no que participaron, ademais de Salvamento Marítimo; Gardacostas, as policías locais da Coruña e Arteixo, Protección Civil, Policía Portuaria e os mergulladores da cidade herculina.