Un motorista tamén resultaba ferido nunha colisión na AC-552, en Lobelos, Cee. O accidente produciuse á primeira hora da tarde deste xoves no quilómetro 88 da estrada AC-552. De inmediato acudiron ao lugar o sinistro a Garda Civil de Tráfico de Corcubión, Policía Local, bombeiros de Cee e unha ambulancia do 061 que evacuaba ao ferido ao hospital.
Peor sorte corría outra persoa que faleceu na tarde deste xoves no concello da Pobra do Brollón tras sufrir un accidente cun tractor. A pesar do importante despregue de medios, que incluíu a mobilización dun helicóptero medicalizado, nada se puido facer por salvarlle a vida.
O suceso tivo lugar na parroquia de San Cosme de Liñares arredor das 15:30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada do propio implicado, quen indicaba que sufrira un sinistro co seu tractor e precisaba asistencia médica urxente, aínda que non se atopaba atrapado polo vehículo.
De inmediato, desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Monforte, do GES de Quiroga, da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil. Así mesmo, informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos.
Finalmente, e malia os esforzos do persoal sanitario desprazado, nada se puido facer por salvarlle a vida á persoa.