O suceso ocorreu nas proximidades da Torre de Hércules, á altura da Caracola, e o implicado foi recollido consciente por unha embarcación de rescate da Cruz Vermella. Outras dúas persoas tamén requiriron asistencia sanitaria ao caer nas rochas logo do golpe de mar.
O 112 Galicia tivo constancia a través dun particular, contra as 12:45 horas deste sábado: unha onda acababa de levar unha persoa na Caracola, na contorna da Torre de Hércules. O implicado estaba flotando e pedindo axuda, mais era incapaz de saír da auga. Outras dúas persoas foron arrastradas, mais non chegaron a caer ao mar.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, aos axentes da Policía Nacional e Local e aos Bombeiros da Coruña.
Finalmente, a persoa foi rescatada consciente por unha embarcación de Cruz Vermella, que a levou ata o porto da localidade.