Unha persoa resulta ferida de consideración tras unha colisión entre dúas motos en Mazaricos

1 minutes read

O 112 Galicia rexistrou na tarde deste sábado un accidente no que se viron implicados dúas motos que circulaban pola AC-400, ao paso polo concello de Mazaricos. Como consecuencia do impacto, un dos motoristas sufriu lesións de consideración, polo que foi evacuado a un centro hospitalario polos servizos sanitarios.

Tras a colisión, unha das motos comezou a arder e foi necesaria a intervención dos membros do GES de Muros para atallar as lapas, que consumiron por completo o vehículo.

Preto das catro horas o 112 Galicia recibiu un aviso dos profesionais sanitarios, que solicitaban a colaboración dos equipos de intervención para restablecer as condicións de seguridade na vía despois da colisión.

Así, para prestar apoio aos equipos de intervención desprazados, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Santa Comba, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos efectivos de Protección Civil de Mazaricos e ao servizo de mantemento das estradas.