Houbo dous feridos. O 112 Galicia tivo constancia do accidente uns minutos despois das 11:00 horas deste domingo. Segundo indicou un alertador, un vehículo quedara envorcado logo de sufrir unha saída de vía no quilómetro 2 da AG-31. Un ocupante estaba atrapado no interior.
Con esta información, desde a Sala de Operacións do 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Terras de Celanova e da Garda Civil de Tráfico.
Foi preciso empregar o material de excarceración para liberar a vítima, a cal sería trasladada a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Tamén foi trasladado outro ferido que puido saír do coche accidentado polo seu propio pé, aínda que neste caso foi evacuado en ambulancia.