Unha plataforma dixital centralizará o acceso a todos os servizos de transporte público

2 minutes read

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación do expediente para a subministración, deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0, así como o da oficina técnica para a súa supervisión e dirección.

O contrato, licitado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco do Plan e-Mobility desenvolvido en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, terá unha duración de tres anos e un orzamento de 5,7 millóns de euros, e poderá ser prorrogado por un período similar, polo que o valor estimado é de algo máis de 9,4 millóns de euros. O prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas finalizará o 14 de setembro.

A Plataforma de Mobilidade 4.0 ten como obxectivo potenciar o transporte público e facilitar o acceso da cidadanía á información en tempo real en toda a Comunidade, así como ofrecer métodos de reserva ou pago alternativos ao pago en efectivo.

Para facelo, a plataforma disporá dun planificador multi-modal que integrará toda a oferta de transporte público, e estará aberta á integración doutros servizos, como o transporte urbano, ou o 065 de apoio á mobilidade a persoas con discapacidade ou dependentes.

Contará tamén cunha web e unha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá a planificación de itinerarios, o acceso á información en tempo real e a xestión de reservas, pagos e bonificacións. A iniciativa permitirá, así mesmo, introducir un novo paradigma de pagos denominado pago baseado en conta (Account Base Ticketing – ABT) que supón un cambio do modelo actual “pague e viaxe” a un modelo “viaxe e xa pagará”. Tanto as reservas e pagos como o acceso ao transporte poderán facerse co teléfono móbil, cunha tarxeta bancaria ou coa nova Tarxeta de Mobilidade de Galicia. O contrato contempla a expedición de 120.000 tarxetas adaptadas ao novo servizo.

A plataforma, que estará integrada co sistema de Axuda á explotación da mobilidade de Galicia (SAEGAL), está enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia e no eixo 5 da Estratexia Galicia Dixital 2030, “Conectividade dixital do territorio” e o seu programa 14: Transporte e mobilidade Dixital e sostible.