Unha plataforma permitirá resolver as chamadas perdidas dos centros de saúde en dúas horas


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou o despregue en 2022 do sistema CRM100, co que o Servizo Galego de Saúde optimiza a xestión dos seus pacientes, e o que lle permitirá resolver o 100% das chamadas perdidas en menos de dúas horas.

No mes de xaneiro, o centro de saúde coruñés dos Mallos foi escollido para levar a cabo a pilotaxe do aplicativo CRM100, unha solución innovadora que permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais da atención primaria. Na actualidade, o sistema está instalado en 35 centros de saúde e, esta mesma semana, entrará en funcionamento noutros cinco. Durante o presente ano, o centro de saúde dos Mallos recibiu a través desta plataforma tecnolóxica máis de 18.700 chamadas entrantes, o que supón unha media de 72 chamadas ao día, cun tempo medio de resposta inferior aos 25 minutos.

Durante o acto, no que tamén participaron a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; e o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde; o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que “o obxectivo é que no 2022 este sistema estea xa despregado en toda a comunidade”.