O Sergas solicitou colaboración cidadá para localizar as persoas que estiveron nun restaurante e local de copas do paseo de Samil, Marina Cíes, en Vigo, o pasado 27 de marzo, tras detectarse un gromo de covid-19 que, polo momento, xa afecta 8 persoas. Así, Sanidade fixo un chamamento ás persoas que estiveron no local esa tarde, despois de que se detectou un caso positivo de coronavirus. Os primeiros rastrexos confirmaron outros sete contaxios máis. O Sergas pediu aos clientes que estiveron no establecemento que o comuniquen para que se sometan a unha proba diagnóstica. O xerente do local puntualizou que esa tarde «non se estaba celebrando ningunha festa», senón que a xente estaba a gozar das súas consumicións e da música desde as mesas, «con máscara» e cumprindo a normativa sanitaria.