Unha posible indisposición ao volante cústalle a vida a un condutor en Corcubión

Bombeiros de Cee.

Unha persoa faleceu na mañá deste martes cando circulaba co seu turismo pola AC-445, ao seu paso polo concello de Corcubión. Foi un particular quen deu a voz de alarma sobre as 11:45 horas ao 112 Galicia despois de atopar á vítima inconsciente no interior do vehículo, que se saíra da vía. 

A partir de aí, activouse un operativo formado polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil, que, tratan de esclarecer as causas do falecemento, xa que as circunstancias indican que a persoa puido sufrir unha indisposición previa ao accidente. 

Ademais das forzas da orde e dos servizos sanitarios de urxencia, ata o lugar dos feitos tamén acudiron os Bombeiros de Cee, os axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade.