A expedición formábana vinte e sete estudantes e tres monitoras de dous centros vinculados ao Opus Dei: o colexio maior da Bonaigua e o colexio Canigó, do que a falecida, de corenta e dous anos, era subdirectora. O grupo saíra este venres de Barcelona e onte desprazábase en dous microbuses desde Abixán, a capital, a Yamusukro, onde ían desenvolver labores de axuda durante unha quincena. Dixo a portavoz do colexio:
«Pintamos un pavillón o ano pasado e este ano pintabamos outro… e ademais daban clases cos nenos, xogos en idiomas e formación básica de hixiene».
Ese programa viuse fanado polo accidente que cobrou a vida da monitora e deixou dez das estudantes con feridas leves. A Casa do Rei amosou nun chío as condolencias, igual que a Generalitat catalá e mais o Goberno. A embaixada iniciou xa os trámites da repatriación do cadáver, que aínda pode demorarse corenta e oito horas máis.