O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que a Xunta vai crear unha Rede de información provincial para que os concellos poidan coñecer os futuros proxectos eólicos que se vaian desenvolver na Comunidade antes de iniciar a súa tramitación. Trátase dunha medida coa que o Goberno galego quere ofrecer a máxima transparencia e colaboración ás administracións locais.
Esta rede de información provincial permitirá que, antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos priorizados, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar. O obxectivo é que as administracións locais coñezan as súas características sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública ordinario. Será a través das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia onde se porá á disposición dos concellos toda a información dispoñible do proxecto xunto co estudo de impacto ambiental.