O Centro Municipal de Formación, xestionado pola Concellaría de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda urbana, acolle nestes momentos un obradoiro de emprego na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, un curso de cociña e outro de soldadura. En total, case 50 persoas que están a formarse en tres profesións con gran saída laboral.
Antes de iniciar as vacacións de Nadal, o alumnado recibiu a visita do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Formación, Iván Andrade, ademais doutros membros do goberno municipal. O encontro desenvolveuse nas instalacións da Escola de Hostalaría, nas que alumnado, profesorado, persoal técnico e administrativo e representantes municipais puideron comprobar a excelente formación que está a recibir o alumnado de cociña, que en só uns días xa foi quen de preparar un completo almorzo para os seus compañeiros e compañeiras.
O Centro Municipal de Formación aposta pola formación dos mellores profesionais para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Ás especialidades de atención sociosanitaria, cociña e soldadura sumaranse en xaneiro dúas máis relacionadas coa carpintería e a electricidade.