Unha saída de vía en Nogueira de Ramuín deixa unha vítima mortal

1 minutes read

O condutor – e único ocupante- dunha furgoneta perdeu a vida na tarde deste martes despois de saírse da calzada o vehículo que conducía pola estrada de Luíntra, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

De acordo coa información facilitada aos xestores do 112 Galicia pola persoa particular que contactou co servizo de emerxencias, solicitaba asistencia sanitaria urxente para o ocupante do vehículo que parecía ter dificultades para abandonalo polos seus propios medios.

Así, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, nada máis ter constancia do suceso, avisaron da mobilización do helicóptero medicalizado ata o lugar do sinistro.

Para prestar apoio ao equipo médico, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisouse decontado aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, aos membros do GES de Pereiro de Aguiar, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos membros de Protección Civil da localidade.

Desafortunadamente, os equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos só puideron confirmar o seu falecemento. De feito, tiveron que empregar o equipo de excarceración para rescatar o corpo sen vida do condutor.