Unha semana sen redes sociais mellora a saúde, diminúe a ansiedade e a depresión


Permanecer unha semana sen usar redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram e Tiktok, podería mellorar o estado mental das persoas, diminuíndo trastornos de saúde mental como a depresión e a ansiedade, segundo un estudo realizado por un equipo de investigadores da Universidade de Bath en Reino Unido.

O obxectivo deste estudo é identificar como o uso das redes sociais afecta as persoas, centrándose especialmente nos efectos que teñen na saúde mental. Para iso, os participantes do estudo estiveron unha semana sen utilizar redes sociais. Ademais, esta investigación contou coa participación de 154 persoas, dun rango de idade entre 18 e 72 anos, que utilizaban estas plataformas diariamente. A continuación, os participantes dividíronse en dous grupos, un deles de control, que puido seguir utilizando as redes sociais.

Pola súa banda, o outro grupo de participantes tiveron que deixar de utilizar as redes sociais durante unha semana. Durante este período de tempo estiveron afastados das súas contas en plataformas sociais como: Instagram, Twitter, Facebook ou TikTok. Como resultado estas persoas notaron unha mellora bastante significativa do seu benestar, a depresión e a ansiedade.

Outro dato bastante interesante desta investigación é, que o grupo de persoas que se tomaron o descanso dunha semana confirmaron que utilizaran estas redes sociais de media 21 minutos durante ese tempo, a diferenza do grupo de control que as utilizou de media sete horas.

En base a estes resultados, o doutor Jeff Lambert, do departamento de Saúde de Bath, sinalou que «moitos dos nosos participantes informaron notar efectos positivos ao afastarse das redes sociais. Entre eles, un mellor estado de ánimo e menos ansiedade. Isto suxire que mesmo un pequeno descanso pode ter un impacto».

Para continuar con esta liña de investigación, os investigadores que levaron a cabo este estudo revelaron que seguirán con este experimento, e que tratarán de levalo a diferentes poboacións máis novas, ou con problemas de saúde física e mental. Co obxectivo de pescudar como podería beneficiarlles esta desconexión”.