Unha senda ciclista de 32 quilómetros bordeará o encoro de Cecebre e conectará con Carral

Cedida.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Emprego e Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, as alcaldesas de Betanzos e Bergondo, María Barral e Alejandra Pérez, e os alcaldes de Abegondo e Carral, José Antonio Santiso e Javier Gestal, asinaron os convenios de encomenda de xestión das obras, nas que o ente provincial investirá 2,1 millóns de euros.

A nova senda ciclista contará con tres tramos diferenciados, o primeiro deles transcorrerá polos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral. O segundo e terceiro discorrerán por Abegondo e Carral, en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán ditos camiños, polo que a Deputación acometerá diferentes actuacións que permitirán compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.

A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorrerá ao carón da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.