Unha senda mellorará a seguridade viaria na PO-308, entre Fontenla e Combarro, en Poio

1 minutes read

A execución da senda na PO-308 en Poio desenvolverase pola marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150 e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre o punto 3+500 e a intersección situada no 3+620 é dicir, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio.

O orzamento desta intervención rolda os 975.000 euros, incluído o pagamento dos 49 predios necesarios para levar a cabo este novo itinerario.

A senda, que descorrerá sensiblemente en paralelo á estrada autonómica, acadará os preto de 1,7 quilómetros de lonxitude, terá un ancho mínimo variable de 2,2 metros, separada da calzada por un bordo de formigón, e irá elevada sobre esta 10 centímetros.

Construirase unha pasarela en voo no punto quilométrico 4+260 sobre o rego da Cancela e adaptarase a rede existente de drenaxe, abastecemento, electricidade e iluminación. Tamén se disporá a instalación de mobiliario urbano e distribuiranse zonas axardinadas con rega programada.

Entre as actuacións tamén destaca a execución do novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca, desde a intersección do punto quilométrico 4+350 e o novo paso de peóns, no quilómetro 4+420.