No incendio ardeu unicamente unha tixola que quedara ao lume, pero os axentes da Garda Civil e da Policía Local de Arteixo evacuaran previamente o inmoble por precaución. Á súa vez, e tamén de xeito preventivo, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ao seu persoal a bordo dunha ambulancia.
Un veciño do edificio foi quen informou ao 112 Galicia dos feitos, que sucederon na Travesía de Meicende, localizada en Pastoriza (Arteixo), na noite deste luns. No transcurso da súa chamada indicaba que saía fume pola porta e as ventás dun dos domicilios, no cal ninguén respondía ás súas chamadas.
Desde o 112 informouse ao persoal sanitario, á Garda Civil e aos Bombeiros, Policía Local e Protección Civil de Arteixo.
Pouco despois, os axentes da Policía Local confirmaban que eles mesmos apagaran unha tixola esquecida ao lume, sen que se vise afectado ningún outro elemento. Posteriormente, os Bombeiros realizaron tarefas de comprobación e ventilación.
Iso si, a Policía Local e a Garda Civil encargáranse previamente de evacuar o edificio para garantir as medidas de seguridade durante a intervención dos servizos de emerxencias.