Unha vaga de incendios devora o sur de Europa


O continente vive unha semana de pesadelo. En Portugal, máis de 2.000 bombeiros traballan para sufocar os 4 grandes incendios activos que hai no norte e o centro do país. Hai polo menos un morto e uns 60 feridos. Desde principios de ano arderon máis de 30.000 hectáreas, un 68% máis que en 2021. A situación non é moito mellor en España. En Cáceres e Salamanca, alén da fronteira, o lume devorou máis de 6.500 hectáreas de bosque e matogueira. Un dos focos ameaza o Parque Nacional de Monfragüe. Varias poboacións tiveron que ser evacuadas.

No suroeste de Francia, un milleiro de bombeiros e 10 avións cisterna tratan de conter dous incendios forestais na provincia de Gironda, cuxa capital é Bordeus. Máis de 11.300 persoas foron evacuadas. Unhas 7.600 hectáreas arderon desde o martes. O presidente francés, Emmanuel Macron, agradeceu o traballo dos bombeiros, así como a solidariedade europea. A UE proporcionou un mecanismo de axuda do que tamén se beneficiaron España, Portugal, Albania e Croacia… Os croatas viron como 3.300 hectáreas de bosque foron cosumidas polas chamas. O lume, que devora bosques e campos na costa mediterránea europea, chega ata Grecia. Atizados por fortes ventos, os incendios arden ao sueste de Atenas e na illa de Creta as autoridades ordenaron a evacuación dos residentes da zona.