Unha vía aglomerada de 3,3 quilómetros unirá as parroquias carballesas de Cances e Oza

1 minutes read

O Concello de Carballo vén de iniciar as obras de mellora integral da vía que comunica os lugares das Torres, na parroquia de Oza, e Cances Grande, na de Cances. A actuación permitirá unir ambas parroquias a través dun eixo viario de arredor de 3,3 quilómetros totalmente aglomerado, cun investimento de 481.964,74 euros.

Trátase dun dos principais viarios estruturais da zona e dunha actuación que vai moito máis alá da renovación do firme. O proxecto inclúe a mellora das condicións de mobilidade e seguridade ao longo de todo o trazado, a execución de sobreanchos, actuacións para mellorar a drenaxe, a construción de tres muros de contención e a renovación da sinalización.

Ademais, o Concello aproveitará a obra para avanzar na extensión dos servizos públicos, coa instalación ao longo de 1.450 metros da canalización da futura rede municipal de abastecemento de auga. Deste xeito evítase ter que volver actuar sobre unha vía recentemente pavimentada cando se acometa a ampliación da rede, optimizando tanto os recursos públicos coma os propios traballos.

O alcalde, Daniel Pérez, destacou a importancia desta actuación, “porque melloramos unha vía que vertebra e comunica dúas parroquias, pero facémolo ademais cunha visión de futuro, coordinando o aglomerado coa instalación da rede de abastecemento e con todas as actuacións necesarias para garantir a seguridade e a durabilidade da estrada”.

“O obxectivo é que as parroquias conten con vías seguras, de calidade e adaptadas ás necesidades actuais, e que cada obra que facemos nos permita avanzar tamén na mellora dos servizos públicos no rural”, engadiu o alcalde, que visitou as obras acompañado polos concelleiros de Obras, Luis Lamas, e Contratación e Participación Veciñal, Ramón Varela.